Grazas Gutenberg
Semella que só agradezo aos irmáns Lumière que se apiadasen do meu tempo libre inventando alá por 1895 o cinematógrafo, pero o certo é que tamén debería lembrarme máis de vez en cando do alemán de nome intermiñable, Johannes Gensfleisch zur Laden zum Gutenberg por roubar o monopolio dos monxes na réplica de libros e facer máis doado que os libros viaxasen máis libremente e as persoas viaxásemos por mundos paralelos nos que a imaxinación reina. Encántame coller un libro e non separalo de mín nen un intre para así aproveitar mentres se cocen as patacas, mentres non queda o xornal libre no bar, no metro ou mentres falo por teléfono con algún vendedor impertinente. Ese vicio e necesidade vital de voltar a ter unha relación persoal íntima cunha morea de páxinas e sentir unha satisfación única ao rematalo… marabillosa cando somos capaces de captar a esencia que a/o autor(a) quixo transmitir ou un vacío enorme cando non somos capaces de chegar a entender unha obra teoricamente magnífica ou simplemente un noxo espantoso por gastar horas enganchadas a un monte de papel cunha historia mediocre. Pero o peor sentimento que teño con respecto á lectura é dende logo cando por unha razón ou outra deixo un libro a medio ler e tortúrome cada día ao velo xacendo no moble do meu cuarto.
E hoxe foi un desos días nos que me asomo a ese moble a ver títulos perdidos e atopei “Vacas, cerdos, guerras y brujas” de Marvin Harris e que comecei o pasado Setembro, recomendado e prestado polo meu irmán, así que decidinme a metelo no bolso para ao ir no ferrocarril seguir coa agradable lectura e gratificante sensación que me proporcionaba o pasar das follas e as reflexións que o autor fai do materialismo cultural do século XX.